Thursday 19 de September de 2024

San Sadurniño abre o prazo para solicitar as axudas ao estudo, ás que destina unha partida de 25.000 euros


O Concello ten aberto desde este 27 de agosto -e ata o 30 de setembro- o prazo de solicitude de axudas ao estudo do alumnado que curse 2º ciclo de Educación Infantil, estudos obrigatorios e estudos posobrigatorios. A convocatoria municipal está dotada con 25.000 euros, unha das contías máis elevadas de Galicia con esta finalidade en relación coa poboación do concello e o seu orzamento, segundo destaca o Goberno local. Os importes e os criterios para acceder ás bolsas non varían con respecto ao ano pasado, manténdose os umbrais de renda para que as axudas cheguen a máis persoas.  Ademais, a convocatoria volve facerse a finais do verán, co obxectivo de que poida resolverse ao longo do primeiro trimestre do curso por ser o momento en que as nais e pais deben soportar maiores gastos. As solicitudes poden facerse presencialmente na Casa do Concello, por correo postal ou por vía electrónica ata o día 30 de setembro.

As bases da convocatoria, aprobadas na Xunta de Goberno Local do pasado 21 de agosto, practicamente non cambian con respecto ao ano pasado, a non ser por pequenas modificacións na súa redacción para facer o texto máis inclusivo e con perspectiva de xénero.

Os 25.000 euros dispoñibles na partida distribuiranse en tres liñas: 1.500 euros para 2º Ciclo de Educación Infantil -San Sadurniño é dos poucos municipios que habilita axudas para a rapazada máis pequena, cuxa escolarización é volutaria-, 10.750 euros para estudos obrigatorios e 12.350 euros destinados aos estudos posobrigatorios. 

Os 400 euros restantes até completar o orzamento total destinaranse a atender posibles casos específicos que malia non cumprir documentalmente cos requisitos, si teñan dereito ás axudas por causa da súa realidade familiar, previo informe dos Servizos sociais e da área de Igualdade. Cómpre ter en conta, ademais, que as familias con menos recursos están cubertas en canto a gastos de escolarización por medio da partida reservada nos orzamentos municipais para casos de emerxencia social.

As contías máximas por solicitude de cada tipo de axuda serán de ata 100 euros para 2º de Educación Infantil200 euros de tope por alumno/a en estudos obrigatorios e ata 800 se a axuda é para estudos postobrigatorios. Esta última asignarase mediante unha fórmula que ten en conta o expediente académico e a situación económica.

Para percibir as bolsas, as rendas da unidade familiar non deberán superar os 12.000 euros no caso de 2º de Educación Infantil e os 25.000 euros nas bolsas de estudos postobrigatorios. A achega para a formación obrigatoria -Educación Primaria e ESO- segue vinculada co cheque para material que outorga a Xunta, de maneira que non está suxeita a xustificación perante o Concello de niveis de renda.  Dito doutro modo, para obter a bolsa municipal de ata 200 euros (a contía final dependerá do número de solicitudes) abondará con presentar a documentación esixida nas bases acompañada da certificación conforme a nena ou neno é beneficiario do cheque autonómico.

Se as familias o autorizan na solicitude, o Concello comprobará de oficio o listado de alumnado con cheque, de maneira que non será necesario presentar o certificado.  Se se trata de rapazada de San Sadurniño que, por proximidade xeográfica, estude noutro colexio público da nosa zona -como pode ser o CEIP San Ramón de Moeche ou o Mosteiro de Caaveiro da Capela-, as familias deberán solicitar a certificación na secretaría do centro e adxuntala á solicitude da axuda.

Por outra banda, as bases das bolsas escolares tamén establecen que o Concello poderá mover as cantidades sobrantes dunha liña que non se asignase na súa totalidade cara a outra na que haxa máis peticións que orzamento dispoñible.

As axudas poderán solicitarse ata o 30 de setembro, co obxectivo de que poidan resolverse e estar ingresadas no primeiro trimestre do curso, “coincidindo co momento en que as familias teñen que soportar máis gastos”, comenta o alcalde, Secundino García. O rexedor destacou o “importante esforzo económico” do Concello, apuntando que San Sadurniño “é un dos municipios de Galicia que máis recursos destina a axudas ao estudo en relación coa súa poboación e co volume do seu orzamento, por non dicir o que máis”. Neste sentido, García Casal tamén reiterou o “compromiso” do Executivo local co apoio á rapazada e mocidade “que son en último caso quen se beneficiarán das axudas”.

En calquera caso, as peticións e a documentación requirida hai que rexistralas a través da Sede electrónica municipal ou presencialmente no Concello en horario de mañá. De acordo coa normativa que regula as relacións coas Administracións públicas, incluso se podería enviar a documentación requirida por correo postal.

Documentación descargable (se a descarga non se inicia automaticamente, seleccionar co botón dereito do rato “gardar ligazón como” en cada arquivo que se queira gardar):

Bases da convocatoria (presentación ata o 30 de setembro)
Anexo I – Solicitude 2º Ciclo Ed. Infantil: Modelo .DOC / Modelo .PDF
Anexo II – Solicitude Estudos Obrigatorios: Modelo .DOC / Modelo .PDF
Anexo III – Solicitude Estudos Postobrigatorios: Modelo .DOC / Modelo .PDF
Autorización consulta datos IRPF e Seguridade Social: Modelo .DOC / Modelo .PDF